Que saben as abellas de...lingua?
September 2, 2021 at 8:42 pm,
No comments
Se por linguaxe entendemos a comunicación verbal utilizando a lingua, daquela, só os humanos temos esa habilidade.
Pero antes de mover a lingua debimos mover o corpo tal e como fan outros animais que para copiar aos demais tamén somos moi habilidosos.
De mover o corpo a danzar hai un paso e esa debeu ser unha das nosas primeiras maneiras de comunicarnos.
A danza é un idioma universal que admite dialectos no canto de idiomas.
Se no mundo animal hai algunha virtuosa bailarina esa é sen lugar a dúbidas a nosa abella doméstica. Movendo rítmicamente a súa cintura -de abella- é capaz de comunicar tantas cousas dun xeito tan simple -sen microchips nin whatsapp nin GPS's- que resulta sorprendente que un animaliño tan pequeno saiba facer cousas tan grandes.
A unha compañeira de colmea lle podería diría dicir algo así como: cando saías da colmea, toma á esquerda do sol. Atoparás uns 247 obstáculos polo camiño (árbores, posted, casas...). Despois busca unhas flores que olen tan ben como ole o meu corpo agora e non te deteñas ata atopalas.
Colle o néctar antes de que o sol o seque e vente de volta antes da noitiña.
Pois ben, todo isto é capaz de dicilo coa súa mundialmente famosa "danza do oito". Danza que descubríu un observador etólogo austriaco e premio Nobel en 1973; Karl von Frisch.
El demostrou que as abellas utilizan o sol como reloxo e a súa luz polarizada como compás para orientarse, como se dun sólarsteinn vikingo se tratara. Pero diso xa falaremos máis adiante.
O interior da colmea parece un gran parladoiro cheo de conversacións entrecruzadas como se estivéramos nunha feira. Moitas son conversacións químicas que transmiten mensaxes internas para manter con vida ese superorganismo chamado enxame. Son mensaxes parecidas ao que fan as nosas hormanas en nós para conectar os distintos órganos e manternos con vida.
Pero outras son conversacións bailadas que parece aquelo un festival abelleiro de danzas de abdomen.
As abellas teñen varios danzas no seu repertorio. Hoxe coñecemos cando menos 3.
Unha é a mencionada "danza do oito" para comunicar a localización dunha fonte de alimento.
Outra é unha especie de "baile de San Vito" que algunhas abellas van realizando mentra andan polo panal con intención de comunicar ás demais que se dirixan á entrada para axudar a descargar a gran cantidade de néctar que está entrando nese momento na colmea.
A terceira coñecida é a "danza da lavandeira" que consiste en poñerse a cabalo dunha compañeira e mover o abdomen como o faría unha lavandeira cando move a cola. Este baile utilízano para reclutar pecoreadoras que vaian buscar o néctar dun gran campo de flores que as exploradoras acaban de atopar. Con el dirían algo así: mira colega, vaite para a pista de baile que alí che dirán onde tes que ir.
A pista de baile é un lugar concreto da colmea preto da entrada onde as danzarinas obreiras realizan a "danza do oito".
Esta "linguaxe abelleira" é exclusiva das abellas sociais que constrúen panais verticalmente o que lles permíte comunicar a localización das fontes de alimento e de paso realizar á polinización cruzada entre flores da mesma especie, cousa que fan con máis éxito que outras abellas. Non sabemos ben se teñen algunha linguaxe secreta que lles permite comunicarse coas plantas pero o que si sabemos e que a polinización cruzada realizada por insectos tivo un éxito evolutivo de enormes consecuencias para a expansión das plantas con flores por todos os recunchos do noso planeta.
A linguaxe, sexa cal sexa, fai posible a comunicación e esta é necesaria para poder socializarse. Así que non nos cansemos de falar porque faldando enténdese a xente 😉