Que saben as abellas de...historia?
September 9, 2021 at 11:38 pm,
No comments
Dicían os maias que o destino da humanidade e o das abellas está unido, e non lles faltaba razón. Sería por iso que ás abellas lle chamaban "xente".
Sexa cal sexa a cultura antigada da que falemos, todas elas sentíronse fascinadas polo mel máis que polas abellas xa dende que nos adicábamos ás pinturas rupestres. Se a iso lle sumamos a profunda espiritualidade da época xa temos todos os ingredentes para rendirlle culto á nosas amigas aladas e traballadoras incansables, e con razón.
Da mesma maneira que as plantas utilizan o néctar das flores para seducir ás abellas e os doces froitos para seducir aos paxaros, é moi probable que as abellas aprenderan delas e utilizaran o mel para encandilar aos humanos dende os primeiros tempos da humanidade. A quen lle amarga un doce?
Incluso hai quen afirma que esa fascinación veu polo máis polo hidromel xa que foi a primeira bebida alcohólica da que disfrutamos.
Dende a época das maxestuosas Venus do paleolítico, cando se rendía culto á fertilidade e á Gran Nai da natureza, as abellas foron capaces de convencernos de que o mel tiña unha orixe divina. Así se reflexa en todas as cultural antigas dende Centro America pasando pola India, Oriente Medio, Exipto, Creta, Grecia, Roma...de seguro que así o pensou o macedonio Alexandro Magno cando, caído na súa derradeira batalla, o seu corpo houbo de ser metido en mel para que se conservara ata chegar a casa.
Se as abellas son as encargadas de recoller o mel que cae de ceo e os deuses están no ceo, daquela o mel debe ser o seu alimento; a famosa ambrosía!!! Por ese motivo o mel foi o alimento de Zeus cando era neno e a abella o seu animal protexido.
As lágrimas de Ra convírtense en abellas cando chegan á terra. E así, o mel que os exipcios obtiñan era unha das ofrendas que facían aos seus deuses e as abellas convertíronse nuns seres protexidos que conectaban o mundo dos deuses co dos humanos. Nesut-Bity era o nome dado ao trono de Exipto. Significaba "o da cana e a abella" onde a cana era o símbolo do Alto Exipto e a abella o era do Baixo Exipto. Tanto Exipto como a terra prometida de Canaán eran terras onde manaba o leite e o mel según o Antigo Testamento.
Pero se houbo algún lugar onde a abella foi elavada aos altares relixiosos e económicos ese foi nunha das sete marabillas do mundo antigo; o Artemisión de Éfeso. Foi tal a dimensión espiritual acadada que a abella Melissa era a patrona da cidade e as moedas acuñadas nesa gran banca do mediterráneo oriental tiñan a abella por unha das súas caras como selo de orixe e garantía divina.
Tamén a igrexa cristiana tomou a colmea como exemplo de vida monacal e a súa cera virxe de abella a luz coa que alumear o mundo. Así é xa que as abellas obreiras que producen a cera non coñecen varón en toda a súa vida. Virxes e abnegadas traballadoras; todo un exemplo de vida...monacal.
Ata Napoleón puxo unha abella na súa vida como emblema persoal. E cando en Notre Dame foi autoproclamado emperador lucía un manto púrpura de 40Kg e 1.500 abellas de ouro seguindo o exemplo de Childerico I, rei dos francos da dinastía dos merovingios para quenes a abella era sagrada e simbolizaba a resurrección e a inmortalidade; por algo fora soterrado en compaña de 300 abellas de ouro!!!
Hoxe en día, con todos os coñecemos científicos que temos das abellas e do seu traballo, temos que darlles a razón a todos os nosos antepados que con só a súa paciente observación chegaron as mesmas conclusions que nós.